30/1/10

O Centro de Recuperación de Fauna silvestre de Oleiros recibiu o pasado ano 639 animais, dos cales a metade foron recuperados

O Centro de Recuperación de Fauna Silvestre (CRFS) de Oleiros (A Coruña), que depende da Dirección Xeral de Conservación da Natureza da Consellería do Medio Rural, recibiu en 2009 un total de 639 animais, dos cales algo máis da metade foron recuperados e devoltos ao seu medio natural. Neste centro –un dos catro que dependen da Xunta, un por cada provincia– o pasado ano recuperáronse e reintegráronse ao seu ecosistema 325 exemplares, o que representa o 51% do total de animais ingresados.

A meirande parte dos animais tratados no centro o pasado ano foron aves (un 77,9%), cifra semellante á de exercicios anteriores. Entre as aves, as máis frecuentes foron as acuáticas e mariñas (un 35,7% dos ingresos totais), seguidas de preto polas rapaces (un 35,5%). En canto ás causas destes ingresos, a maioría foron traumatismos indeterminados (nun 22,7% dos casos), seguidos dos atropelos (nun 18,2%). Outros motivos foron as caídas dos niños, capturas accidentais ou feridas por disparos.

Hospitais para a fauna
Os Centros de Recuperación de Fauna Silvestre da Consellería do Medio Rural funcionan como auténticos “hospitais” para a fauna autóctona, nos que se procura a recuperación completa dos animais e a súa posterior devolución á natureza, ademais da supervivencia a longo prazo e reprodución no medio natural. Neles lévase un rexistro de entradas e saídas con tódalas características dos animais admitidos e da súa situación.

Co traballo desenvolvido nestas instalacións é posible elaborar estatísticas completas das causas de admisión e porcentaxes de recuperación e liberación, co fin de identificar e corrixir os problemas principais que afectan negativamente á fauna no propio medio natural.

Información, vixilancia e investigación
Ademais de realizar estas tarefas, os centros poden funcionar tamén como fontes de información epidemiolóxica; puntos de vixilancia de saúde pública; fontes de información en investigación; centros de asistencia en grandes catástrofes; centros de educación ambiental ou centros de conservación de especies ameazadas.

En todo caso, cómpre salientar que estes centros non son lugares de recollida e tratamento de animais domésticos nin tampouco zoolóxicos, polo que non están concibidos e deseñados nin para recoller animais domésticos abandonados nin para acoller visitas de público en xeral.

En caso de atopar un animal silvestre ferido ou enfermo
Un animal silvestre ferido ou enfermo precisa atención e coidados profesionais, que se lle poden prestar nun Centro de Recuperación, para poder retornar de novo ao medio natural. No caso de atopar un exemplar neste estado, o primeiro que hai que facer é comprobar que se trata dun animal silvestre e que realmente necesita axuda. A continuación, dar aviso inmediatamente a un centro ou servizo de asistencia, para que sexa trasladado ao Centro de Recuperación correspondente.

Convén anotar tódolos datos que sexa posible do punto de recollida exacto (localización, lugar, concello, etc.), a hora na que foi atopado e o seu estado no momento da recollida. É moi importante facer entrega desta información escrita á persoa que recolla o animal, para que os expertos poidan aplicar o tratamento correcto e, sobre todo, para que sexa devolto ao seu punto de orixe cando estea restablecido.

Centros de Recuperación
  • CRFS de Santa Cruz de Oleiros (Oleiros-A Coruña). Teléfonos: 981 626241 / 690 634708 / 686 252554
  • CRFS de O Veral (Lugo). Teléfonos: 982 207705 / 649 668922 / 649 668923
  • CRFS Alto do Rodicio (Maceda-Ourense). Teléfonos: 988 302051 / 628 358652
  • CRFS de Cotorredondo (Vilaboa-Pontevedra). Teléfonos: 986 680390 / 606 656017
  • CEMMA (Coordinadora para o estudio dos mamíferos mariños). Apartado 15 - 36380 Gondomar. Teléfono de contacto: 686 989008.

Outros contactos e teléfonos útiles no caso de atopar un animal silvestre ferido ou enfermo son os seguintes: Servizo de Protección da Natureza (SEPRONA) da Garda Civil. Tel.: 062; Centro de Atención de Emerxencias de Galicia. Tel.: 112.

FONTE: NOVAS DA XUNTA