11/8/16

ORDE do 29 de xullo de 2016 pola que se establecen as bases reguladoras das axudas para a prevención dos danos que causan as especies de fauna silvestre e se convocan para o ano 2016.

Artigo 1. Obxecto e principios

1. Esta orde ten por obxecto establecer as bases reguladoras dunha liña de axudas a favor das persoas titulares de explotacións agrícolas e/ou gandeiras afectadas polos ataques de especies de fauna silvestre (xabaril, lobo, oso e outras especies), coa finalidade de fomentar a aplicación de medidas de protección, para o que se incentivará a adquisición de elementos preventivos dos danos que poidan ocasionar estas especies, e proceder á súa convocatoria para o ano 2016.

2. Estas axudas tramitaranse en réxime de publicidade, transparencia, concorrencia, obxectividade, igualdade e non discriminación, con eficacia no cumprimento dos obxectivos fixados e eficiencia na asignación e utilización dos recursos públicos. Así mesmo, resultarán de aplicación os preceptos da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Artigo 2. Actuacións subvencionables

Ao abeiro desta orde, subvencionarase:

1. Para a prevención de danos ocasionados polo lobo: a adquisición de cans mastíns, pastores eléctricos e cerrumes de malla electrificada, que se faga con posterioridade á publicación desta orde.

2. Para a prevención de danos ocasionados polo oso, xabaril ou outras especies de fauna silvestre: a adquisición de pastores eléctricos, que se faga con posterioridade á publicación desta orde.

Non será obxecto de subvención o IVE, o transporte dos materiais nin a man de obra para a instalación e mantemento dos pastores eléctricos e todos aqueles que figuren no artigo 29 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, como non subvencionables.

En todo caso, a contía da subvención non poderá ser nunca superior ao custo da actuación subvencionable.

Artigo 3. Persoas beneficiarias e requisitos

1. Para a prevención de danos ocasionados polo lobo e o oso, poderanse acoller a estas axudas as persoas físicas ou xurídicas titulares de explotacións gandeiras que figuren incluídas no Rexistro Xeral de Explotacións Gandeiras de Galicia, das especies de gando bovino, ovino, cabrún, porcino da raza celta, equino, asnal, mular e apícola.

2. Para a prevención de danos ocasionados sobre producións agrícolas polas especies de fauna silvestre, poderanse acoller a estas axudas as persoas físicas ou xurídicas que exercen a actividade agraria e estean inscritas no Rexistro de Explotacións Agrarias de Galicia (Reaga), creado mediante o Decreto 200/2012, do 4 de outubro, polo que se regula o Rexistro de Explotacións Agrarias de Galicia.

3. As persoas beneficiarias deberán cumprir coas obrigas establecidas no artigo 14 da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, e non estar incursas en ningunha das circunstancias previstas no seu artigo 13.

4. Non poderán obter a condición de persoas beneficiarias das axudas previstas nesta orde as persoas ou entidades en que concorra algunha das circunstancias recollidas no artigo 10.2 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.